Soben as capturas de polbo trala veda

A Consellería do Mar destaca que as capturas de polbo trala veda aumentaron un 65% con respecto ao mesmo período do ano pasado trala parada biolóxica. Segundo datos oficiais, achegados polo propio sector, dende que se abriu a veda, o 5 de xullo, ata hoxe, capturáronse máis de 850 toneladas de polbo, o que indica que a veda, consensuada co sector, deu resultados positivos.

Respecto dos niveis de captura globais, o ano 2010 está a ser o de maior índice de capturas dos últimos catro anos. Nos sete meses que levamos deste ano capturáronse máis de 2.400 toneladas de polbo, cifra que contrasta coa das 1.000 toneladas capturadas no mesmo período do ano anterior e que tamén supera ás de 2006, 2007 e 2008.