San Clodio acolle un seminario sobre as rutas do viño de Galicia e o norte de Portugal

O Mosteiro de San Clodio (Leiro-Ourense) acolle dende este martes o seminario internacional “Proxecto Rutas do Viño da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, que foi inaugurado pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo. Ao longo da primeira xornada, diferentes especialistas foron analizando as perspectivas e futuro do enoturismo, entre eles o secretario xeral de Agader, Isaías Calvo de la Uz, quen explicou aos asistentes o desenvolvemento do proxecto. Este mércores participará o xerente do C.R.D.O. Rías Baixas, Ramón Huidobro; e Francisco J. Castro, da Universidade de Vigo, que fará un repaso pola historia e o turismo cultural centrado no viño Ribeiro.

Dende a posta en marcha do proxecto a comezos deste ano xa se adheriron máis de 330 entidades e colectivos, entre os que destacan 42 concellos, 120 adegas, 56 establecementos de aloxamento e 73 locais de restauración e hostalería.