O PP vencella o proxecto de ampliación de Rande coa campaña para as municipais

O voceiro de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Popular, Alejandro Gómez Alonso, mantivo unha xuntanza con representantes da Asociación de Afectados da Autoestrada Rande-Teis, cos que analizou as consecuencias do proxecto anunciado polo Ministerio de Fomento para a ampliación de Rande. Gómez Alonso salientou que “o proxecto anunciado para a ampliación de Rande é prexudicial para Chapela e Teis e faise por intereses electorais do señor Caballero”. Nese sentido, apuntou que xa son as segundas eleccións municipais nas que “o señor Caballero fai de Rande unha promesa electoral”.

O deputado anunciou a presentación no Parlamento, por parte do seu Grupo, dunha iniciativa destinada a que se priorice a construción da A-57 entre Pontevedra e Confurco. Na proposición non de lei, pedirase ademais que se aprobe a alternativa nº 11 para conectar a A-57 co aeroporto de Peinador, na A-59 (Pazos de Borbén-Os Valos-Peinador), que se financien ámbalas dúas infraestruturas a través do Plan Estatal de Infraestruturas e que se replantexe o proxecto de ampliación de Rande para mellorar a súa funcionalidade e minorar as afeccións.