O Parador de Muxía, de vital importancia para Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou o proxecto do Parador de Muxía, ao que definiu como “un dos máis ambiciosos e dinámicos que ten por diante a Costa da Morte, e por extensión Galicia enteira”. O conselleiro subliñou que o Parador de Turismo de Muxía resulta “de vital importancia para o correcto desenvolvemento estratéxico do sector turístico da zona”.

Segundo a redacción do proxecto, o inmoble disporá de 80 habitacións, SPA, salóns de usos múltiples, restaurante, cafetería, servizos de uso interno (vestiarios, cociñas, almacéns...), aparcamento cuberto para 100 prazas e aparcamento exterior para outras cen. Para acadar a integración do edificio na súa contorna “respectarase a paisaxe e camuflarase gran parte do construído, non se alterará o Subsector litoral, conservaranse todos os setos do contorno, as manchas forestais de Pinar, Salgueiral e Reboleira serán respectadas, así como os prados, campos e cultivos do Mosaico Agrario”, informa a Xunta. Do mesmo xeiro acondicionaranse minimamente os camiños, corredoiras e sendeiros “da forma máis estritamente necesaria”.