O mes de agosto deixa bo sabor de boca na hostalería galega

O mes de vacacións por antonomasia pechou con bos resultados, en canto a ocupación, para a hostalería galega. Alomenos, así se desprende dos datos que ofrecen varios medios de comunicación sobre as diferentes comarcas galegas. Na zona da Costa da Morte, os hostaleiros están moi satisfeitos coa ocupación. Os principais monumentos e enclaves turísticos da bisbarra interesaron a milleiros de visitantes, por exemplo, o Faro de Fisterra, o Castelo de Vimianzo ou o Museo da Electricidade de Ézaro. A APTCM sinala que os seus asociados rozaron o completo durante todo o mes, con datos moi superiores aos de xullo.

Na comarca da Mariña, segundo recolle La Voz, os hoteis rondaron o 85% de ocupación en agosto, algo que os empresarios achacan ao bo tempo reinante. A maioría dos hostaleiros consideran que a temporada foi moito mellor do que se agardaba.

En O Grove, na provincia de Pontevedra, os hostaleiros falan de que a ocupación superou en agosto o 90%. O bo tempo animou aos turistas a achegarse a este municipio e gozar das súas praias e da súa gastronomía. En todo caso, os empresarios destacan como aspecto negativo que os turistas non gastan tanto como en campañas anteriores.

Algo semellante ocurriu no veciño Sanxenxo, con niveis de ocupación que rondaron o 88%, o que supón un lixeiro incremento con respecto a agosto de 2009. Os hoteis de catro estrelas son os que rexistraron un maior nivel de ocupación neste municipio, seguidos dos apartamentos.