O BNG pedirá información sobre o cultivo de millo transxénico en Galicia

A Plataforma Galega Antitransxénicos iniciou unha xeira de reunións cos grupos parlamentarios galegos aos que pretende implicar na loita contra este tipo de cultivos experimentais. Aínda que tiña prevista unha xuntanza cos socialistas, esta non se puido celebrar por problemas de axenda da parlamentaria Carmen Gallego. Sen embargo, a Plataforma si se reuniu co BNG, concretamente coa parlamentaria Tareixa Paz, á que trasladaron a súa preocupación pola “actitude neglixente evidenciada polas autoridades logo do rebrote do cultivo de millo experimental transxénico sementado en Mesía”.

A nacionalista comprometeu que o seu grupo presentará unha pregunta parlamentaria para aclarar este punto e que a trasladará tamén ao Congreso e ao Senado. A representante do grupo nacionalista concordou tamén coa Plataforma Galega Antitransxénicos na urxencia de que nos comedores públicos, tanto escolares coma de hospitais e outros servizos rexidos pola Administración galega, se garanta a ausencia de alimentos modificados xeneticamente ou alimentados con penso transxénico, sendo estes substituídos por alimentos de tempada subministrados por produtoras e produtores da zona.