‘Iacobus Gallecia' poderá visitarse ata o 27 de outubro en Tui

A exposición Iacobus Gallecia chegará mañá ao concello pontevedrés de Tui, onde estará aberta ao público na Sala Municipal de Exposicións ata o próximo 27 de outubro. A mostra, que forma parte do Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010, remata en Tui a súa itinerancia pola comunidade galega, que iniciou en febreiro en Santiago e que a levou por Noia, Ribeira, Caldas, Vilagarcía e Baiona.

Ao acto de inauguración, que se celebrará mañá ás 13.00 horas, asistirán o xefe do departamento de Publicacións e Exposicións da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul; o alcalde de Tui, Antonio Feliciano Fernández Rocha, e o concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez Pérez.

O público que visite ata o 27 de outubro Iacobus Gallecia neste concello pontevedrés poderá contemplar un conxunto de obras que son un exemplo da vitalidade artística da Galicia de Santiago que, nos finais do século XX e inicios do XXI –formando parte da decoración orixinal do Pavillón de Galicia da Expo'92 de Sevilla, ou respondendo a encargos posteriores–, continúa a desenvolver a súa rica historia cultural, baseada na tradición e mais na innovación, o fecundo caudal formado pola síntese creativa do propio e o alleo.

Na mostra, este principio queda expresado a través da variedade estilística, formal e conceptual de artistas tan distintos como Darío Basso, Paco Pestana, Xosé Freixanes, Antón García Patiño, Alfonso Sucasas, Armando Martínez, Ignacio Basallo ou Antón Lamazares. Pezas conceptuais, abstractas e figurativas, estilizadas –Armando– ou amosando toda a súa fisicidade –Sucasas– ou o seu agudo primitivismo –García Patiño– que nalgúns casos afondan na iconografía tradicional, relixiosa e xacobea, e noutros son pura evocación poética –Basso, Lamazares, Pestana–, ben representativa dunha arte a cabalo entre dous séculos.

A Sala Municipal de Exposicións do concello de Tui acollerá durante un mes obras de autores que participaron na Expo'92 de Sevilla, entre os que destacan Darío Basso, Berta Cáccamo, Freixanes ou Antón Lamazares, e que son parte dos fondos da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. A partir destas primeiras incorporacións, a colección de obra contemporánea do Xacobeo foise enriquecendo cos anos con pezas doutros artistas galegos como Sucasas, Antón García Patiño ou Paco Pestana.

O obxectivo desta exposición de arte contemporánea é ofrecerlle ao público a posibilidade de achegarse á obra de autores galegos actuais e de recoñecido prestixio. A mostra enmarcase no Camiño Contemporáneo do Xacobeo 2010, un apartado da programación que se caracteriza pola súa aposta polas exposicións itinerantes como fórmula para dar a coñecer a obra de autores galegos actuais e de recoñecido prestixio á maior cantidade de persoas.