GacstrodeRias favorecerá o encontro entre a cazapa e as últimas tecnoloxías

As Xornadas de Divulgación de Produtos Marisqueiros e Pesqueiros da Ría de Pontevedra, GACstrodeRias, propiciarán unha experiencia única sen precedentes en Galicia. Trátase do cociñado da cazapa coa última tecnoloxía aplicada á cociña. A cazapa é un pequeno tiburón que pescan os mariñeiros de Marín de xeito complementario a outras capturas, pois non adoita estar nos mercados habituais. Ancestralmente, este peixe cúrase ao aire pero nestas Xornadas será cociñado por primeira vez coa tecnoloxía de vangarda que aporta o Grupo Migán exclusivamente para estes encontros.

A experiencia poderase vivir na primeira das Xornadas, o martes 21, ao remate da exposición teórica do profesor Xulio Pardellas sobre a situación socio económica da ría e da pesca de baixura e como complemento á intervención de Xulio García sobre os aportes tecnolóxicos aplicados á cociña do peixe.