Constituído formalmente o Clúster Alimentario de Galicia

A capital galega acolleu o acto formal de constitución do Clúster Alimentario de Galicia. O seu primeiro presidente é José Luis Antuña, director de Feiraco, quen explicou que “esta é unha gran oportunidade para que empresas pequenas, medianas e grandes se unan e traballen conxuntamente de cara a presenza e posición nos mercados e á internacionalización, paliando así as grandes debilidades do sector agroalimentario galego, que pasan polo escaso valor engadido bruto respecto á facturación e á man de obra”.

Hoxe son 30 as empresas que forman o Clúster Alimentario de Galicia, pero dende a Xunta directiva agardan poder incorporar ás empresas, centros e organismos que están, na actualidade, adheridas á Plataforma Tecnolóxica Galega Agroalimentaria. Entre as tarefas máis inmediatas está a elaboración dun plan director, que podería estar pechado a finais de ano. Xunto a Feiraco están, na Xunta directiva, Hijos de Rivera (vicepresidencia), Cetal (secretaría e tesourería) e Martín Códax, Anfaco-Cecopesca, a USC, Abril, Calvo, Pecanova, Abiasa, Coren, Ingapan e Marronglacé como vogais.