Vilagarcía acolle a II Feira das Tapas

A apertura, este venres, da II Feira das Tapas de Vilagarcía de Arousa promete converterse en toda unha orxía para os sentidos a xulgar pola combinación de gastronomía, música e espectáculos prevista para a primeira xornada deste evento organizado pola Concellería de Turismo e a Asociación de Hostalería e Iniciativas Turísticas. Os padais máis exquisitos poderán deleitarse coas preto de cincuenta tapas diferentes que se servirán nos stands do Parque Miguel Hernández e entre as que se poden atopar dende os pinchos máis soficticados ata os máis enxebres e tradicionais. O prezo da tapa é de 1,5 euros.

En total, participan na iniciativa catorce establecementos de hostalería da cidade. Entre os pinchos máis elaborados e innovadores atópanse a Ensalada de Bacallau marinado con mango e vinagreta de cítricos, a Cazola de Berberechos ó inferno con gulas, Gambas ó albariño, Chopiños ó pisto cos crocante de xamón, Cazoliña de fabas guisadas con lebre de monte ou Carpaccio de entrecot de boi con parmesano e compota de albaricoque. Non faltarán os máis tradicionais callos, mexillóns ao vapor ou lacón á feira.