Samuel Juárez visitou as instalacións de Estrella Galicia

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visitou as instalacións da fábrica de cervexa de Estrella Galicia, ubicada no polígono industrial de A Grela, na Coruña. Juárez foi recibido polo conselleiro delegado de Hijos de Rivera S.A., José María Rivera, e o director de Estratexia Corporativa, Antonio Viejo. Tras unha breve presentación da empresa na sala de xuntas, as autoridades presentes percorreron as instalacións.

Presente en todo o territorio nacional, a compañía foise abrindo un oco entre os mercados internacionais, chegando a ter presenza en case 30 países de todo o mundo grazas ás súas cervexas Estrella Galicia, 1906 Reserva Especial, River Estrella Galicia, HR, Estrella Galicia Light ou Shandy Estrella Galicia; e outros produtos como a auga mineral Cabreiroá e Agua de Cuevas; a sidra Manzanova e Maeloc; a sangría Lerele; os licores Quenza ou os viños Ponte de Boga e Nerus.