A oposición, disconforme coa modificación da Lei de Turismo

Tanto o BNG como o PSdeG amosan a súa disconformidade co novo borrador da Lei de Turismo, ao que os colectivos profesionais presentaron ducias de alegacións. Para os nacionalistas resulta “moi gravoso” que non se desenvolvera o anterior proxecto de Lei “que só ten dous anos”. Para Carme Adán, voceira de Turismo no Parlamento, o feito de que se paralizara e se comezara a facer un novo proxecto de Lei responde a que se trata “dun caso claro de revanchismo político”.

Un dos puntos sobre os que máis inciden os nacionalistas é sobre o modelo de Consello Galego de Turismo que propón o novo borrador. “O novo texto faino máis extenso pero cun papel opinador, non se lle dá un papel regulador”. Por iso, os nacionalistas piden “que sexa máis vinculante” porque, para Carme Adán, “que teña máis membros non aporta nada neste caso”. Os nacionalistas agardan que se teñan en conta as opinións dos profesionais, “que son os que realmente aportan cousas novidosas”.

Tampouco están conformes os nacionalistas co relativo á promoción e á marca galega de calidade. “Non entendemos que se queira perder un selo propio diluíndose nun selo que, sendo importante, é alleo. Se o que queremos é calidade, diferenciación… a perda dese selo propio non é positivo”.

Pola súa banda, os socialistas inciden en que “este borrador de borradores” se afasta moito das necesidades reais do sector e “responde a un afán de desmantelar a anterior Lei”. María Quintas, voceira de Turismo, recoñece que a anterior lei quizais tiña “algún defecto” pero que era subsanable sen necesidade de elaborar un novo borrador. “O que non entra na lóxica -engade- é que se hai un ano se aprobou unha Lei de Turismo consensuada co sector agora se faga outra de costas a el”.

Para os socialistas esta é “unha lei ambigua e excesivamente proteccionista, cando as directivas europeas van por outro sitio”. E engade María Quintas que “hai moitísimos aspectos que non están suficientemente clarificados”. Os socialistas fan fincapé en que a lei non foi consensuada co sector, “a pesar de que así o diga a secretaria xeral de Turismo”. “Nós podemos asegurar -engade- que en absoluto está consensuada, que non se falou con todo o sector e, de feito, os profesionais presentan bastantes prexuízos con respecto a gran parte da normativa”. Así queda reflectido, como apuntilla a deputada socialista, nas múltiples alegacións presentadas polo sector. “Turismo está mentindo cando di que esta lei foi consensuada”, sinala. “Non podemos facer unha lei de costas ao sector. É un suicidio. Eso é pan para hoxe e fame para mañá”, engade.

Para María Quintas “sería un erro” se non se teñen en conta as alegacións do empresariado. “Se o Goberno galego rexeita as inquedanzas do sector turístico, o mellor sería non ter elaborado unha lei”, conclúe a deputada socialista.