Oleiros acolle a Festa dos Mundos

A Festa dos Mundos, que se celebrará este sábado no concello coruñés de Oleiros, converterá a Galicia nun extraordinario escaparate da diversidade cultural e da sustentabilidade. A praia de Santa Cristina xa está preparada para acoller os espectáculos África Express e Músicas do Mundo, no que a galega Uxía estará acompañada de dous convidados de excepción: o gaiteiro Xosé Manuel Budiño e o brasileiro Fred Martins (guitarra e voz). Tras Uxía e os seus acompañantes, polo escenario pasarán a chinesa Sa Dingding, o espectáculo Africa Express e, a continuación, os colombianos Choc Quib Town e os franceses Oof Cinemix.

África Express, a iniciativa musical liderada polo británico Damon Albarn, ex do grupo Blur, achegará as músicas africanas e occidentais tendendo pontes entre os distintos continentes. O concerto de Oleiros será a única oportunidade de ver o seu espectáculo en España e Portugal.

A Festa dos Mundos comezará as súas actividades as 11 horas da mañá e prolongaranse durante todo o día, estendéndose a programación musical do escenario da praia desde as 7 ata as 4 da madrugada.