Máis planificación sobre o Camiño

O Grupo Parlamentario Popular vén de presentar no rexistro do Parlamento unha Proposición non de Lei na que insta á Xunta á elaboración dun Plan Territorial Integrado (PTI) para o tramo galego do Camiño de Santiago, iniciándose os trámites pertinentes ó longo do actual ano Xacobeo. A finalidade deste Plan, segundo o voceiro de Ordenación Territorial do PPdeG, Roman Rodríguez, sería “establecer pautas de ordenación territorial e urbanística para espazos que presenten afinidades dende o punto de vista funcional que aconsellen unha planificación conxunta”.

Para o PPdeG a representatividade que para o conxunto de Galicia ten este espazo e a imaxe que xenera nos numerosos peregrinos que percorren unha das sinais de identidade máis singulares de Galicia, como é o Camiño de Santiago, fan necesaria “a potenciación da ruta polo seu potencial turístico e de repercusión produtiva e unha planificación territorial desta vía de fondo contido cultural, patrimonial e económico”.