A lírica chega a Galicia da man do Xacobeo

Este mércores celébrase no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, a Gran Gala Lírica de Xacobeo 2010 que, segundo verbas do conselleiro de Cultura e Turismo, “sitúa a Galicia no mesmo nivel dos mellores auditorios do mundo”. Para Roberto Varela, a Gran Gala Lírica é “unha das citas ineludibles que se enmarcan neste ciclo e que se converterá nun evento cultural de relevancia internacional”. Con todo, a Gala representa soamente “a primeira dunha serie de espectáculos imprescindibles para os afeccionados á ópera” entre as que o conselleiro de Cultura e Turismo salientou a estrea do Parsifal de Wagner, interpretado pola Royal Liverpool Philarmonic Orchestra, o próximo 24 de agosto en Santiago.

Na Gran Gala Lírica de Xacobeo 2010 intervirán algúns dos nomes máis importantes da ópera actual, como o barítono Leo Nucci, os tenores Marco Berti e Celso Albelo, as sopranos Cristina Gallardo-Domâs, Desiree Rancatore e Maria Guleghina e a mezzo María José Montiel. As estrelas da lírica estarán acompañadas pola Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Pietro Rizzo.