Licitación das obras de restauración do Camiño Francés en Eirexe

O Diario Oficial de Galicia anuncia hoxe a licitación por procedemento aberto con pluralidade de criterios e trámite urxente, do contrato de obras non harmonizado da restauración e posta en valor do Camiño Francés ao seu paso polo tramo de Eirexe no concello de Monterroso (Lugo) por un total de 122.000 euros. Esta é unha das once actuacións previstas no acordo de colaboración asinado en xuño entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Ministerio de Fomento para o cofinanciamento das obras de posta en valor de espazos públicos en dez municipios de Galicia polos que discorre o Camiño Francés.

Esta primeira fase ten un orzamento de 2.117.987 euros repartidos ao 50% entre a Xunta de Galicia e o Ministerio, e ademais de Monterroso inclúe actuacións nos municipios de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Paradela e Palas de Rei na provincia de Lugo; e Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela na provincia de A Coruña. Do mesmo xeito, a previsión é formalizar en próximas datas dous novos acordos para acometer actuacións de restauración e posta en valor en tramos do Camiño Francés nos localidades de Gonzar (Portomarín) e Barbadelo (Sarria).

A licitación das obras do tramo de Eirexe do Camiño Francés enmárcanse no Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago, elaborado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que pretende rehabilitar e acondicionar os espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico do seu entorno co obxectivo de mellorar as condicións para o uso dos seus habitantes e dos peregrinos destas rutas. O programa propón a recuperación sustentable e a posta en valor dos lugares de uso comunitario (prazas, fontes, lavadoiros, ...) que serven de punto de encontro para a celebración de reunións, festas ou actividades comúns nos núcleos rurais. Son espazos de intercambio de cultura e coñecementos que fomentan as actividades sociais e que constitúen sinais de identidade propios e singulares da nosa paisaxe cultural.

No núcleo de Eirexe traballarase en dous ámbitos diferenciados ao longo do Camiño, no primeiro destaca o valor arquitectónico e simbólico de dous elementos de carácter relixioso, como son o cruceiro situado a carón do Camiño, e a igrexa de Santiago, pero igualmente vinculada ao Camiño. O segundo é un punto de confluencia de camiños, enclave rural cunha singular carballeira con árbores de gran porte que posibilita o repouso do viaxeiro. O obxectivo desta actuación é a posta en valor deste dous espazos, eliminando os elementos que deturpan a lectura clara da natureza propia do Camiño e dotalo de outros novos que o poñan en valor sen alteralo.

No primeiro dos ámbitos realizaranse traballos de pavimentación no contorno do cruceiro e simplificarase o tráfico rodado, convertendo un dos ramais da estrada nun paso peonil enlousado. Tamén se construirá un muro de peche de cachotería que chega ata igrexa como elemento unificador, así como se acondicionarán as traseiras dos rinchos do cemiterio, actualmente en mal estado.

As actuacións no segundo ámbito serán de organización do tráfico, eliminando superficie asfaltada e recuperando a superficie orixinaria de terra da carballeira. Asemade, se dotará de mobiliario urbano e se creará unha peza que conteña e ordene os colectores de lixo, minimizando o seu impacto visual.

Na medida do posible tamén se substituirán os postes de iluminación existentes, soterrando o cabreado asociado aos mesmo. O prazo de execución e dun máximo de doce meses e dun mínimo de nove meses.