Galicia incrementou un 12,9 por cento os viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros

Preto de 460 mil viaxeiros se aloxaron nos establecementos hoteleiros galegos neste mes de xullo, sendo este o dato más elevado entre os datos rexistrados nos meses de xullo dos últimos dez anos. A respecto do ano pasado, a cifra de viaxeiros rexistrados neste mesmo mes tense incrementado nun 12,9%. Do mesmo xeito, en comparación co mes de xullo de 2004, último Xacobeo, o incremento da cifra de viaxeiros ascende a un 5,1%.

No contexto nacional, Galicia sitúase en terceiro lugar por detrás de Cataluña e Baleares e tamén por riba da media española que se situou nun 8,76%. Do mesmo xeito, se se ten en conta o acumulado do ano, Galicia rexistra un incremento en relación aos sete primeiros meses de 2009 dun 13%, con 2.041.213 viaxeiros. Nesta liña, a respecto do Xacobeo 2004 o incremento no que vai de ano a respecto do mesmo período do último Ano Santo é de 5,3%. O incremento interanual do acumulado do ano en Galicia é o segundo máis elevado tras Cataluña e amplamente superior ao 5,9% da media nacional.

No tocante ás pernoitas, Galicia acumula un total de 4.279.275 pernoitas, volume que supera nun 9,7% a cifra do mesmo período do ano pasado e nun 5,6% á rexistrada no último Ano Santo. Galicia é a terceira comunidade do conxunto do Estado coa suba máis alta no volume de pernoitas neste período acumulado do ano, situándose neste caso por detrás de Madrid e Cataluña.

No período de xaneiro a xullo a ocupación hoteleira sitúase arredor do 32%, cifra que supón un incremento do 2,5% a respecto do mesmo período do ano pasado. Se se teñen en conta os datos rexistrados na fin de semana, o nivel de ocupación sitúase neste mes de xullo nun 50,51%, porcentaxe que supera en máis de dous puntos porcentuais á rexistrada no mesmo mes de 2009.

O incremento interanual da ocupación hoteleira neste mes de xullo é o quinto consecutivo rexistrado neste ano, rompendo definitivamente unha tendencia de caídas continuadas nos últimos dous anos.


Prezos e rendibilidade empresarial
Os prezos hoteleiros experimentaron neste mes de xullo un incremento do 2,9%, unha tendencia que de novo é oposta en grande medida ao que acontece no conxunto do Estado, onde os prezos caeron de media un 0,8%. Este mes de xullo é o terceiro consecutivo de incremento de prezos hoteleiros, circunstancia importante nun contexto de caídas xeralizadas tanto no conxunto do Estado como en cada unha das Comunidades Autónomas.

No tocante ao ingreso por habitación dispoñible, este incrementouse en xullo nun 9,9%, a maior porcentaxe do conxunto de CCAA do Estado e que se sitúa claramente por riba da media española que é dun 5,4%.

Facendo unha análise global, apréciase que os bos datos de conxuntura turística do sector hoteleiro de Galicia neste mes de xullo vense reforzados ao ter lugar nun contexto de suba de prezos –en contraposición á caída xeralizada no conxunto do Estado-, o que da novos pulos á dinámica positiva da rendabilidade empresarial –medida polo ingreso medio por habitación dispoñible-.

Neste mes de xullo o 78,84% dos viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia son españois. Os viaxeiros procendentes de territorio nacional incrementaron a súa presenza en Galicia nun 10,14%. Tamén os estranxeiros incrementaron nun 24,38% a súa presenza na nosa comunidade.

En termos de pernoitas, o peso do segmento nacional increméntase ata o 82,18% do total mentres que o 17,82% restante corresponde aos estranxeiros. En ambos mercados tamén se observa unha suba das pernoitas, maior no caso dos estranxeiros -24,11% fronte ao 6,37% dos nacionais-.

No conxunto do período acumulado do ano, o peso do mercado nacional representa o 80,34% do total de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, cun incremento da súa presenza en Galicia do 12,57%. O 19,66% restante corresponde aos estranxeiros, que son tamén un 14,86% máis.