Feijóo, satisfeito cos datos de visitantes do primeiro semestre do ano

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o mes de xuño “volve marcar un récord” e convértese “no mellor mes da década” en canto a número de viaxeiros e pernoitas rexistrados en Galicia. Baseándose nos datos do Instituto Nacional de Estadística correspondentes ao primeiro semestre do ano, Feijóo incidiu en que “todo apunta a que estamos xa con catro millóns de viaxeiros no primeiro semestre do ano 2010” e, considerando que a proxección nun primeiro semestre é un 40% do total de visitantes, recalcou que “estamos en condicións de poder manter o obxectivo de conquerir oito millóns de visitantes, que era o obxectivo do Xacobeo 2010” e lograr “un incremento do turismo en pleno momento de crise económica”.

No que se refire a prezos hoteleiros, o presidente salientou unha subida do 2,7% en contraposición coa media estatal que rexistra unha baixada de prezos do 1,4%. “Polo tanto estamos aguantando non só o número de viaxeiros, non só o número de visitantes, senón tamén os custes hoteleiros e polo tanto os beneficios do sector turístico en Galicia”, recalcou o presidente, quen concluíu que “o Ano Santo Xacobeo está cumprindo os seus obxectivos desde o punto de vista social, desde o punto vista cultural e desde o punto de vista económico”.