El Sueño de Morfeo actúa este domingo en Pontevedra da man do Xacobeo

Pontevedra é o escenario escollido para o peche do programa 40 en XCBO coa actuación o vindeiro domingo, día 8 de agosto, de El Sueño de Morfeo, que compartirá escenario con dous grupos galegos. Dende xuño este ciclo percorre as principais cidades de Galicia levando a música dos grupos máis destacados do pop español actual da man de Xacobeo 2010, dentro do Camiño da Música da programación, e a cadea 40 Principales. O domingo rematará con esta nova actuación de carácter gratuíto que se desenvolverá na Praza de España de Pontevedra a partir das 21.30 horas.

Efecto Mariposa, Macaco, Melendi e El Sueño de Morfeo foron os cabezas de cartel de 40 en XCBO, que, co concerto do vindeiro domingo, sumará actuacións en Lugo, Ourense, Santiago e Pontevedra, respectivamente. Asemade, compartiron escenario con grupos e artistas galegos.

Con 40 en XCBO, Xacobeo 2010 reforzou a súa aposta pola promoción dos grupos pop actuais, coa vocación de achegar diversas propostas programáticas de diferentes estilos coa intención de satisfacer as demandas de todos os públicos.