Convenio de Turismo con Cehosga

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o presidente da Confederación de Hostelería de Galicia (Cehosga), Héctor Cañete, asinaron un convenio de colaboración para a realización de distintas actuacións de mellora da actividade empresarial e turística en Galicia durante o ano 2010, nun acto no que tamén estiveron presentes os presidentes das Asociacións Provinciais de Hostalería de Galicia, adheridas a Cehosga.

O acordo conta cun investimento total de 390.700 euros, dos que a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, achega un total de 241.935 euros, o que supón o 61,92% do orzamento total.

Entre as actuacións máis destacadas figura a mellora da competitividade en pequenas empresas de hostalería a través da titorización individualizada e unha xornada de comunicación de experiencias por asesorados no programa do pasado 2009.

A realización dun periódico Cehosga, de distribución por toda Galicia e en distintos puntos relacionados co sector en España, que inclúa novas e información de interese para o sector turístico e hoteleiro é outra das medidas que se levarán a cabo.

Tamén consta dentro deste acordo de colaboración a organización do IV Encontro da Hostalería Galega onde se premia a profesionais do sector, incluíndo unha mención especial a un persoeiro destacado pola difusión do turismo en Galicia ou a divulgación e asesoramento na aplicación de normas xurídicas que afectan ao sector.