CETMAR lidera a recuperación da ostra plana na costa europea

O Centro Tecnolóxico do Mar traballará cara a recuperación da produción de ostra plana na costa de Europa coa posta en marcha dun novo proxecto denominado “Oysterecover”. O CETMAR liderará a iniciativa da man doutros 15 socios, catro deles galegos. Así, xunto ao Centro de Investigacións Mariñas da Consellería do Mar, responsable da coordinación científica do proxecto, participarán a Universidade de Santiago de Compostela, a Confraría de Pescadores de Noia e a empresa José María Daporta Leiro e Hijos S.L.

“Establecemento das bases científicas, procedementos técnicos e estándares para recuperar a produción de ostra plana europea a través de estratexias para abordar o seu principal problema, a bonamiosis” é o título do proxecto, que está financiado polo VII Programa Marco da Unión Europea. A maioría dos centros de investigación e universidades de Europa que contribuíron aos avances científicos sobre a recuperación da Ostrea edulis e ao establecemento de programas selectivos de cultivo para a resistencia á bonamiosis (infección polo parasito Bonamia ostreae) participan agora nesta nova iniciativa, que se prolongará ata o ano 2012.

A ostra plana Ostrea edulis é unha especie nativa de Europa que formou parte da dieta humana durante séculos. Con todo, unha alta mortalidade en determinadas áreas e a sobreexplotación diminuíron as poboacións desta especie na primeira metade do século XX. Esto, unido á propagación de infeccións por Marteilia refrigens e Bonamia ostreae na década dos 70 e 80 reduciron drasticamente a súa presencia nas zonas de cultivo tradicionais. Dende entón, a produción de Ostrea edulis mantívose en niveis moi baixos, identificándose como unha das causas desa diminución a Bonamiosis. De feito, tódolos intentos de loita contra o parasito en diferentes países de Europa fracasaron.

Dado que a recuperación da produción da ostra plana é unha oportunidade importante para a industria europea de cultivo de moluscos, e tendo en conta os bos resultados dos programas de cría selectiva realizados en Francia, Irlanda e máis recentemente en Galicia, é polo que xurde a unión de forzas cara a posta en marcha do proxecto “Oysterecover”. Así, o obxectivo común dos socios implicados nesta iniciativa é enfrontar o reto de establecer as bases científicas e técnicas, procedementos e estándares que propicien a recuperación da especie mediante o desenvolvemento de estratexias para abordar o seu principal problema, a bonamiosis.

Se se cumpren as expectativas, o proxecto servirá para sentar as bases a fin de que no futuro póidanse abordar estratexias de selección para conseguir estirpes resistentes ou altamente tolerantes á bonamiosis, así como a recuperación dos bancos naturais de produción de ostra plana na costa europea.