Camps e Feijóo estreitan lazos, e tamén os Camiños

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou as aportacións do “Camí de Llevant” ao inmenso caudal colectivo que representa o Camiño de Santiago e afirmou que, neses máis de mil quilómetros de ruta, “tamén se moldeou Europa e foi crecendo a idea da España plural e solidaria”. Feijóo, que recibiu ao presidente da Comunidade Valenciana, Francisco Camps, dentro da celebración dos Días Xacobeos das distintas comunidades autónomas, subliñou que valencianos e galegos nos asemellamos na nosa visión aberta e enriquecedora da nosa singularidade. “Os nosos pobos non viven a súa diversidade cultural e lingüística como un trauma que xera tensión, senón como unha bendición que nos predispón mellor para vivir, loitar e triunfar nun mundo onde as linguas e culturas se entrecruzan, como camiños”.