Campaña para a promoción das conservas

A Consellería do Mar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos- Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca (ANFACO-CECOPESCA) asinaron un protocolo de colaboración co obxectivo de desenvolver e coordinar accións destinadas a impulsar o consumo de conservas de peixe e marisco e de promover o sector da conservación e das transformación dos produtos pesqueiros en Galicia.

As actuacións resultantes deste protocolo irán encamiñadas a concienciar aos consumidores sobre os beneficios do consumo das conservas difundindo as súas propiedades e vantaxes nutritivas. Outras das finalidades deste acordo é incrementar o consumo de conservas dos produtos pesqueiros entre a poboación infantil, así como dar a coñecer as principais especies de peixes e mariscos utilizadas na elaboración de conservas e facer máis atractivo o consumo destes produtos.

Farano con iniciativas como a campaña de promoción que desenvolverá a Consellería do Mar para impulsar o consumo de conservas de produtos do mar entre os nenos e nenas. Outra das actividades é o reparto de recetarios de cociña en feiras de gastronomía co obxectivo de divulgar os beneficios das conservas de peixe na alimentación.

Ademais a Consellería tamén prevé realizar degustacións de diferentes pratos de conservas galegas por distintas cidades de España, que serán dirixidas por cociñeiros de renome e que amosará as posibilidades que ofrecen as conservas no mundo gastronómico.