Turismo colabora con Arousa Norte na realización de actividades de promoción turística

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o presidente da Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Zona Norte, Isaac Maceiras, asinaron un convenio de colaboración para a realización de actividades de promoción turística na comarca. Este convenio posibilitará a organización dos programas “Roteiros literarios en Arousa Norte” e “Turismo accesible para persoas con discapacidade visual en Arousa Norte”, para os que a Consellería de Cultura e Turismo destinará 110.000 euros e a Mancomunidade, 26.000.

Para levar o programa “Roteiros literarios en Arousa Norte” deseñarase unha temática e uns contidos específicos para cada ruta, así como a promoción das mesmas. Do mesmo xeito, lanzarase a iniciativa “Turismo accesible para persoas con discapacidade visual en Arousa Norte”, que contará con actividades e servizos para paquetes adaptados, adecuaranse os contidos ás necesidades específicas do colectivo e captaranse empresas para que se adhiran aos paquetes turísticos. Doutra banda, sensibilizarase aos veciños da zona na importancia de preservar e poñer en valor un patrimonio que, ademais de ter unha clara proxección turística coa correspondente incidencia económica nesta comarca, é importante dende o punto de vista natural e cultural.