Tres empresas optan a facer unha campaña promocional de Lugo

Tres empresas de viaxes, Hemisferio, Halcón e Iberia, optan a desenvolver unha campaña de promoción turística de Lugo, segundo informou o concelleiro de Turismo e Deportes, José Manuel Díaz Grandío. O Concello vai contratar esta campaña de promoción e comercialización turística do destino “Lugo, Muralla Patrimonio da Humanidade” cun presuposto de 91.000 euros. O proxecto conta con financiación do Concello e a Secretaría de Estado de Turismo.

O obxectivo da campaña é “potenciar Lugo como destino de escapadas”. “Trátase de contratar unha campaña que vincule a nosa cidade co turismo que habitualmente viaxa pola Península”, dixo o responsable municipal de Turismo. A convocatoria dirixiuse a axencias de viaxes, tanto maioristas como minoristas, e as súas ofertas para a promoción de Lugo como destino turístico poden ir desde promocións nos seus puntos de venda, en grandes empresas ou institucións, en centros comerciais con grande afluencia de xente, a través dos medios de comunicación ou mediante a internet, entre outras.