Terras de Pontevedra aposta polo turismo mariñeiro

Terras de Pontevedra, dacabalo entre as rías de Pontevedra e Vigo, constitúe un destino turístico singular que sorprende pola diversidade dos seus atractivos, propios deste territorio que enlaza as serras interiores da provincia de Pontevedra e o seu litoral. Nel destaca, especialmente, a permanencia dunha longa tradición mariñeira e mariscadora, cunha alta potencialidade turística. Consciente da súa importancia e singularidade, a Mancomunidade Terras de Pontevedra, a través do Plan de Dinamización de Produto Turístico (PDPT), estivo a traballar nos últimos meses para a creación dun novo produto turístico baseado no aproveitamento da actividade pesqueira tradicional e a súa cultura, á que se suma a oferta gastronómica, de aloxamento e de actividades necesaria para facer un produto atractivo e competitivo.

O resultado deste traballo é a posta en marcha dunha completa e nova oferta de turismo mariñeiro que chegará aos consumidores en forma de paquetes turísticos nos que se incluirán tanto as actividades relacionadas coa cultura do mar (a bordo de embarcacións, nos areais de marisqueo, en bateas, en empresas conserveiras, obradoiros, etc.) como actividades complementarias (visitas a museos, barrios mariñeiros, SPA, etc.) e unha ampla oferta de aloxamento e restauración. Os interesados poden atopar máis información na web www.terrasdepontevedra.org e mesmo facer as reservas en www.turisnorte.es, a operadora turística que comercializará os diferentes paquetes.