A Semana Santa de Paradela xa é de interese autonómico

A Xunta de Galicia vén de declarar a Semana Santa de Paradela (Meis) como Festa de Interese Turístico Autonómico, un recoñecemento que, de seguro, dará un novo pulo a esta celebración. A Administración ten en conta, á hora de outorgar este distintivo, a antigüidade da festa e o seu valor cultural e turístico.

A peculiaridade desta festa é que se recrean as últimas horas na vida de Xesucristo coa participación de ducias de actores. É especialmente significativo o papel do Mesías, interpretado sempre pola mesma persoa. O realismo que lle imprimen atrae cada ano a centos de visitantes a Paradela.