Novas normas na etiquetaxe dos viños

O Diario Oficial de Galicia publica unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen normas sobre as condicións de utilización das indicacións facultativas relativas ao ano de colleita e á variedade ou variedades de uva na etiquetaxe e presentación dos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida. O obxectivo da nova norma é, segundo o conselleiro do Medio Rural, “evitar a confusión no consumidor, e anular a posibilidade de que algúns se aproveiten do bo nome e o incesante traballo na mellora da calidade que levan a cabo as denominacións de orixe”. Así, por exemplo, a norma regula cando, como, e de que maneira se pode empregar o termo xenérico uva albariña, e evita a posible confusión cos viños producidos ao abeiro da D.O. Rías Baixas.

Coa normativa, Galicia é pioneira na protección dos produtores que, amparados baixo algunha denominación de orixe, utilizan variedades e castes autóctonas de uva.