Galicia prepárase para o seu día grande

O domingo Galicia está en boca de todos pola celebración do seu día grande, máis grande que nunca ao coincidir en Ano Xacobeo. Agárdase que esta fin de semana se acheguen á nosa comunidade milleiros de visitantes, algúns por motivos relixiosos e outros simplemente por coñecer o país, as súas tradicións, a súa gastronomía ou as súas festas. Nese sentido, o panorama festivo ofrece múltiples alternativas, se ben Santiago preséntase como un dos puntos máis álxidos. A queima da fachada do Obradoiro volverá ser un dos eventos máis multitudinarios. Este ano o espectáculo multimedia xirará en torno ás tradicións da cidade e ao Camiño. Os Fogos contarán este ano co presuposto máis alto da súa historia.

A oferta de celebracións gastronómicas é variada. Así, en Rianxo exaltarán un dos seus produtos máis senlleiros: a xouba. Fritidas ou en empanada, as xoubiñas de Rianxo farán as delicias dos veciños e visitantes que se acheguen á vila natal de Castelao, tanto ao mediodia como á tarde, cando haberá unha segunda degustación. E a poucos kilómetros, en Aguiño, celébrase unha nova edición da Festa do Percebe na que se repartirán dúas toneladas de produto.

Na provincia de Pontevedra tamén haberá varias festas gastronómicas esta fin de semana, entre elas a da Lamprea Seca de Arbo, a do Churrasco de Covelo ou a do Pito de Crecente.