Convenio para impulsar a Ruta do Viño das Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o presidente da Asociación Ruta do Viño das Rías Baixas, José Ramón Meiriño, asinaron un protocolo de colaboración para potenciar a Ruta do Viño das Rías Baixas. O obxectivo é dar un novo impulso á citada ruta, neste caso concentrando os esforzos no Salnés e no Rosal, dúas zonas “cun inmenso potencial”, como sinalan as institucións.

O convenio terá unha duración de tres anos (dende o 2011 ó 2013) e o presuposto total ascende a máis de 750.000 euros. O presidente provincial sinalou que “este acordo non é un gasto senón unha inversión produtiva, xa que se trata dun apoio clave a un sector importantísimo na provincia como é o sector do viño onde están implicadas máis de 7.000 familias e máis de 200 adegas”.