Próxima apertura do Panteón de Galegos Ilustres

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou no Parlamento de Galicia un próximo acordo co Arcebispado de Santiago, titular do Panteón dos Galegos Ilustres, para abrilo ao público “coa maior brevidade posible”. Roberto Varela deixou claro o compromiso da Xunta de Galicia para que un espazo tan emblemático e importante para a nosa cultura como o Panteón estea aberto a todos os cidadáns. Así mesmo, o convenio asegurará a súa perfecta protección e conservación en condicións de normalidade.

Mediante ese convenio, garantirase o libre acceso ao monumento, e Cultura e Turismo asumirá a xestión, dirección e mantemento do Panteón, unha actuación que se considera fundamental e prioritaria. O Panteón de Galegos Ilustres atópase nunha capela do convento de San Domingos de Bonaval e nel descansan os restos de seis grandes persoeiros da cultura galega: a poeta Rosalía de Castro, o escritor e ideólogo Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o xeógrafo Domingo Fontán, e os escritores Ramón Cabanillas e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.