Mar modifica os topes e o horario de traballo do polbo tras consensualo co sector

A Consellería do Mar modificará os topes e o horario de traballo do polbo, tal e como lle solicitou o sector implicado, tan pronto como remate a veda desta especie, o vindeiro día 5. No que atinxe ao horario de traballo, Mar considera apropiado atrasalo unha hora, tanto no comezo como na finalización da actividade, por ser a nasa de polbo unha nasa diúrna. Deste xeito a partir de que se reanude a actividade, desenvolverase diariamente dende as 7:00 ás 17:00 horas. O descanso semanal establécese dende as 17:00 horas do venres ata as 7:00 horas do luns.

Ademais, a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños considerou aumentar os topes para as embarcacións que teñen máis de 5 tripulantes. Así, a nova orde recolle que dende o 1 de maio ao 30 de outubro as cotas máximas de capturas diarias son de 30 quilos por embarcación e 30 quilos máis por cada tripulante enrolado e a bordo ata un máximo de 210 quilos ao día. No resto da campaña extractiva o tope máximo de capturas diario consensuouse en 50 quilos por embarcación, ao que se suman 50 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 quilos por día.