Competencia amplía aos cocedeiros o expediente aberto aos bateeiros galegos

A Comisión Nacional da Competencia decidiu investigar aos cocedeiros de mexillón de Galicia en relación co expediente sancionador aberto contra máis do 90% dos bateeiros galegos. A CNC xa se dirixiu á Asociación Galega de Cocedeiros de Mexillón para informalos de que os seus asociados están sendo investigados, para que presenten as alegacións que consideren oportunas.

O expediente, segundo lembra Faro de Vigo, garda relación con supostas prácticas anticompetitivas e a posible existencia dun cártel do mexillón en Galicia dende 1997. Os representantes das empresas cocedeiras din estar “moi tranquilos” ante esta investigación.