Case un milleiro de profesionais na campaña de presentación da oferta turística galega

Máis de 900 profesionais do sector turístico español participaron ao longo dos tres últimos meses na campaña de presentacións da oferta turística galega desenvolvida por Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo da Consellaría de Cultura e Turismo, iniciada o pasado día 14 de abril.

Esta campaña de presentacións e comercialización da oferta turística galega para o ano 2010 estendeuse ata o día 23 de xuño por oito cidades españolas e tivo como eixo a comercialización dos produtos turísticos galegos a través das propias empresas turísticas e a promoción dos recursos turísticos galegos.

Turgalicia organizou unha misión comercial na que participaron ademais unha media de 50 empresarios galegos, que se reuniron con representantes de empresas turísticas dos contornos das cidades visitadas: Alcalá de Henares, Valencia, Logroño, Zaragoza, Barcelona, San Sebastián, Bilbao e Servilla.

Este ano, a presentación do Turismo galego centrouse na promoción do Xacobeo 2010 e de Galicia como un destino diferenciado, con produtos propios e dos que o visitante poderá gozar de distintos xeitos. Promocionáronse de xeito especial o Turismo de Saúde, o Turismo de Natureza, o Turismo Cultural e as cidades. Ademais, incidiuse na promoción de produtos como o golf e náutica.