Actuacións por toda Galicia dentro do programa Camiños da Cultura 2010

A Consellería de Cultura e Turismo está a desenvolver a iniciativa Camiños de Cultura 2010, cun total de 589 actuacións de dinamización cultural repartidas por 185 concellos galegos de menos de 50.000 habitantes. A iniciativa englóbase dentro do programa de circuítos culturais Galicia Móvese, que ten por obxectivo consolidar unha programación cultural regular por toda Galicia.

Camiños de Cultura 2010 achegará ata o 31 de outubro unha completa oferta de espectáculos de música (clásica, folk, pop/rock, jazz, etc.), teatro, danza, monicreques, maxia, narración oral e novo circo. Como novidade en 2010 cursouse invitación para participar neste proxecto a todos os concellos de ata 50.000 habitantes, sen límite mínimo de poboación, que non participen na Rede Galega de Teatros e Auditorios. Isto permitiu a incorporación ao proxecto en 2010 de 88 concellos de menos de 3.000 habitantes, límite que se establecía anteriormente para optar aos circuítos culturais.