Sete bolsas de Turismo para prácticas en mercados emisores

A Secretaría Xeral para o Turismo, dependente da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, vén de convocar un total de sete bolsas para a realización de prácticas profesionais de especialización de expertos turísticos en mercados emisores por un valor de 218.259 euros. Os lugares elixidos para a formación no exterior destes expertos en turismo son Londres, Roma, París, Franckfort, Zurich, Nova York e Lisboa.

A Secretaría Xeral para o Turismo pretende, coa posta en marcha destas prácticas na rede de Oficinas Españolas de Turismo no Estranxeiro dependentes de Turespaña, que os bolseiros se formen en promoción exterior e establezan unha base de apoio á captación da demanda turística en Galicia.

As prácticas desenvolveranse entre o día 15 de xullo e 15 de agosto deste ano mediante un período de formación en Galicia e entre o 1 de setembro e o 31 de xullo de 2011, coa incorporación do bolseiro ás consellerías de turismo das cidades estranxeiras elixidas para a formación, cunha duración máxima de once meses. Os bolseiros disporán, por primeira vez, da posibilidade de formarse previamente en Galicia antes de emprender a viaxe para o seu período de formación.