A nova Lei de Turismo elimina os furanchos e o sellado de prezos

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentaron onte aos representantes do sector turístico a modificación da actual Lei de Turismo como unha reforma que pretende "proporcionar unha maior flexibilidade e axilidade nos tempos de resposta ante as realidades cambiantes nun sector tan sensible, dinámico e en constante evolución como é o do turismo, que ten que reinventarse cada día para afrontar novos retos".

A nova iniciativa suprimirá o trámite de inscripción no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, que realizarase de oficio, e anulará a obrigatoriedade dos establecementos turísticos de comunicar e sellar ante a Administración as variacións nas súas listas de prezos. Só os campings requerirán autorización turística da Administración. Nos casos restantes, será dabondo cunha declaración responsable de inicio de actividade.

Outra das novedade prevista no borrador é a eliminación de furanchos, que non terán cobertura legal no novo texto, e para manterse terán que adaptarse a lagunas das tres categorías reguladas: restaurante, bar ou cafetería.

No caso das pensións, recuperarase o termo para sustituir o de residencia turística recollido na lei anterior, posto que nn tiña recoñecemento en ningunha outra normativa de ámbito nacional ou internacional.

O turismo de saúde recupera as categorías de hotel-balneario e hotel-talaso, modalidades que representan un dos produtos turísticos máis competitivos e destacados de Galicia.

A secretaria xeral para o Turismo afirmou que "a lei, demandada polo propio sector, era un aspecto obrigado para unha Galicia que desexa e debe modernizar o seu marco lexislativo e apropialo á dinámica da actividade turística que desempeña o sector".

Para Varela hai aspectos característicos de Galicia "que fan da nosa comunidade un destino único e diferencial, o verdadeiro eixo da comunicación promocional das administracións e empresas turísticas. Por iso estamos apostando no reforzo da profesionalización dos recursos humanos, na mellora do emprego turístico, na investigación e a innovación".