Apoio ao Camiño de Inverno como Ruta Xacobea

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, amosou o compromiso da Xunta de Galicia para o recoñecemento do Camiño de Inverno como ruta xacobea. O conselleiro realizou unha visita ao concello de Pantón e realizou unha etapa do Camiño.

O conselleiro lembrou a “importancia histórica do Camiño de Inverno”, que se configurou como ruta de peregrinos “cando as inclemencias do tempo impedían atravesar os cumios de O Cebreiro”. Asemade, Roberto Varela fixo referencia ao seu patrimonio histórico-artístico e ás súas virtudes “que saltan á vista, especialmente se falamos dos valores únicos dos seus espazos naturais” como “o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, os Canóns do Sil ou a Serra do Faro”. Para o titular de Cultura, “é fundamental que traballemos na divulgación e promoción do Camiño de Inverno para que reciba o maior número posible de peregrinos”.