Un millón de euros máis para proxectos empresariais relacionados co Xacobeo

A Consellería de Economía e Industria concederá subvencións para proxectos empresariais de innovación no ámbito das tecnoloxías de información e as comunicacións (TIC) relacionados co Xacobeo 2010, cunha dotación dun millón de euros. Esta nova convocatoria de axudas complementa outra anterior que foi adxudicada en decembro de 2009 por valor doutro millón de euros.

Na convocatoria contémplanse como proxectos subvencionables aqueles que supoñan unha aplicación innovadora das TIC á prestación de servizos de valor engadido para os turistas, peregrinos e público en xeral interesado no Xacobeo 2010, considerando especialmente as infraestruturas precisas para aplicacións baseadas en dispositivos móbiles, localización ou xeoreferenciación, redes sociais e web 2.0. Tamén se inclúen na orde aquelas iniciativas destinadas á creación tecnoloxicamente innovadora de contidos e aplicacións informáticas relacionadas coa promoción do Xacobeo 2010 e a valorización do seu patrimonio artístico, histórico e cultural.