Plan divulgativo do Museo da Cidade en Vigo

O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, presentou o primeiro plan divulgativo do Museo da Cidade, que inclúe visitas a distintos espazos, como o pazo e os xardíns de Castrelos e aos xacementos de Toralla e O Castro. As visitas pódense facer por libre ou guiadas e en todos os casos son gratuitas. Santi Domínguez explicou que se realizarán da man de Landriña, que será a mascota do museo.
“No proceso de reorganizar e poñer en valor o Museo da Cidade e o resto do patrimonio vigués é fundamental desenvolver un programa divulgativo”, afirmou o tenente de alcalde, na presentación do plan.
Unha das novidades do programa consiste na organización de visitas aos xardíns históricos de Castrelos, que se unen ás visitas ao pazo, á sala de arqueoloxía, e aos xacementos de O Castro e da vila romana de Toralla. O programa contempla un apartado específico para familias, que inclúe obradoiros durante os fins de semana, e outro para escolares.