Os hostaleiros de Compostela calculan en 515.000 euros as perdas pola paralización do tráfico aéreo

O sector hostaleiro de Compostela tamén notou os efectos da erupción do volcán islandés. Segundo os datos recollidos pola Asociación Hostelería Compostela, a anulación de reservas afectou a arredor de 2.900 habitacións, unha cifra que podería seguir incrementándose xa que aínda se están a producir cancelacións. As perdas no eido do aloxamento rondan os 350.000 euros mentres que os empresarios de restauración calculan que deixaron de ingresar outros 165.000 euros.

Os hoteis de catro e cinco estrelas foron os establecementos máis afectados, cun número provisional de cancelacións que se sitúa en moitos casos entre as 100 e as 200 habitacións por establecemento. Con frecuencia trátase de viaxes en grupo que foron anuladas ou reduciron o número de días de estancia.

A nivel nacional, a Confederación Española de Hoteis (Cehat) vén de solicitar unha serie de medidas encamiñadas a paliar as perdas do sector. Proporá ás distintas administracións a posta en marcha dunha campaña no estranxeiro que difunda as vantaxes do destino España, unha campaña de choque dirixida ás canles de intermediación, o retraso na posta en marcha da suba do IVE ata o mes de outubro e un aprazamento no pago das cotas á Seguridade Social dos meses de abril e maio de 2010, entre outras.