Na encrucillada de Cehosga

A renovación acontecida na cúpula de Cehosga, abre novas expectativas non exentas dunha pincelada de modernización, pero tamén de certo desasosego diante da posibilidade de que o cambio poida ser demasiado rontundo.

A Cehosga, nacida ao calor reinante do asociacionismo fiel aos principios fundamentais do Movemento extinto, foi adaptándose ao sistema democrático máis por vontade emulatoria dos seus sucesivos dirixentes que por un compromiso co cambio que supuxo a rotura democrática e a modernización derivada, manifesta ao longo xa de catro décadas.

¿Chegou a hora do rexurdimento co acceso ao control de Cehosga por parte da nova xeración? Temos que constatar que o tandem Cañete-Magaz esperta recelos entre os propios compañeiros. Chegan con pulo xuvenil, dispostos para a carreira como poldros para os que non hai barreira alta. É, entendemos, o que hai que esperar dos pura sangre novos, e máis, sendo coñecedores como son do que verdadeiramente herdan, isto é, o obseletismo, a taifa asociativa, o enquistamento dirixente... Pero tamén herdan un capital humano e un tecido de sociedades mercantís e autónomos, cheo de pulso emprendeedor, perspectiva empresarial, vocación profesional... Un sector e un territorio diante do que cómpre corrixir voos pero tamén asentar pistas de aterraxe.

De como acerte a templar ferros consolidados e a forxar novos andamios, de como acerte a dosificar protagonismos consolidados coa diversificación de papeis estelares; de como temple e reparta xogo... vai depender o éxito ou o fracaso da nova presidencia de Cehosga. Tampouco é tan difícil se hai sentidiño e oteo do horizonte. En todo caso, valerá a pena intentalo.