Adega alerta da degradación da Lagoa da Frouxeira

Dende que Adega denunciara as actuacións de sangrado e baleirado da lagoa da Frouxeira, o seu estado de conservación foi “de mal en peor”, denuncia o colectivo. A maior parte do espazo atópase nun estado ecolóxico “lamentable”, tras case 5 meses sen auga, “e sen que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza tomara ningunha medida para a súa recuperación”.

Segundo sinala a asociación ecoloxista, a lagoa “fica convertida nun ermo areoso polo que pululan sen control cans, cabalos e quads e, por se isto fora pouco, a administración vén de perpetrar unha roza de hábitats proiritarios e especies protexidas, cuxa conservación debería garantir”. Sinala Adega que a “incompetencia” de Medio Rural á hora de conservar os espazos protexidos “supón un grave incumprimento da normativa estatal e comunitaria, así como dos acordos internacionais asinados polo estado español en relación á protección dos humidais”.