O PP pide que o IVE turístico se reduza ao catro por cento

O Grupo Parlamentario Popular defenderá no Pleno da Cámara desta semana unha proposición non de lei pola que instan á Xunta a que demande do Goberno central que o IVE turístico se reduza ao 4%, así como que as taxas aeroportuarias e portuarias baixen un 50%. Na iniciativa, insístese na necesidade de non levar a cabo a anunciada suba do IVE.

Nese sentido, o voceiro do Grupo Popular, Manuel Ruíz Rivas, reiterou que a suba prevista polo Goberno de Zapatero prexudicará gravemente á economía e penalizará o diferencial de recuperación económica que suporá para Galicia o Xacobeo 2010. A ese respecto, os populares lembran que en vintedous dos vintesete estados membros da UE aplícase unha tarifa reducida e que outros países como Suiza, Irlanda, Holanda ou Islandia, que aumentaron o imposto do IVE do aloxamento turístico, tiveron que rectificar e volver baixalo ata unha taxa hiperreducida para manter os niveis de afluencia de visitantes.