Turismo e cultura como imaxe da marca Galicia no exterior

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, participou en Barcelona nun xantar coa Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña, onde avogou por que “a nosa cultura e turismo sexan a imaxe de marca de Galicia no exterior”, para o que considerou necesario “a realización de accións de promoción e comunicación dos nosos produtos e servizos culturais e turísticos”.

Varela explicou a firme aposta da Xunta de Galicia e da súa Consellería “pola promoción exterior de Galicia como destino turístico e Santiago de Compostela como meta neste importante Ano Xacobeo”. O conselleiro asegurou que o seu departamento traballa por “poñer en valor o enorme potencial creativo, natural e turístico da nosa terra, estamos convencidos de que é posible optimizar a enorme capacidade de traballo e as calidades dun pobo con empeño, ilusión e creatividade”.