Subhasta de arte e viño no Fórum

Pezas firmadas por Miró, Chillida, Castelao ou Tápies compartirán subhasta este sábado con 29 lotes de viño nunha das actividades programadas dentro do Fórum Gastronómico de Santiago. O responsable da iniciativa, que se desenvolverá no Hostal dos Reis Católicos, é o sumiller Xoán T. Cannas, de Pepe Vieira Camiño da Serpe (Grupo Nove). Entre os obxectos artísticos están unha serie de 215 impresións de Miró que homenaxean a Picasso, mentres que no caso dos viños, atoparanse algúns exemplares difíciles de conseguir de adegas como Domaine Leflaive ou Cheval Blanc.

Esta será só unha das múltiples actividades que acollerá o Parador compostelán co gallo do Fórum. Tamén se inclúen catas con maridaxe, obradoiros para nenos ou unha cea a cegas.