Segue a polémica polo programa do Xacobeo

Lonxe de tranquilizárense os ánimos, a polémica entre o Concello de Santiago, a Xunta e o Goberno central en torno ao programa do Xacobeo recrudécese. A Xunta carga agora as tintas contra o executivo de Zapatero e contra o Concello de Santiago, mentres dende Raxoi continúan criticando o traballo realizado pola Consellería de Cultura e Turismo. O presidente da Xunta insiste en que mentres o seu equipo traballa polo Xacobeo, “hai xente que non traballa nada”. Sinalou que se trata dun proxecto “de Estado” e engadiu que “vamos a seguir traballando sen ningunha dúbida e podo asegurar que o Xacobeo será un éxito en 2010. Pode ser maior se traballamos todos: a Xunta de Galicia está a disposición de todos para seguir traballando”.

Pola súa banda, Compostela Monumental vén de terciar na polémica respaldando a xestión do conselleiro de Cultura e Turismo e cuestionando o papel do Goberno local e o “servilismo” de “determinadas asociacións e institucións” co rexedor compostelán.