Pasos adiante na IXP Tarta de Santiago

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde pola que se aproba o Regulamento da Indicación Xeográfica Protexida Tarta de Santiago e do seu Consello Regulador, que se nomeou con carácter provisional. Con este paso, a Tarta de Santiago ponse en marcha como produto de calidade, tras ser tamén recoñecido o pasado 16 de setembro de 2009 pola Unión Europea. O presidente provisional do Consello Regulador será Manuel Iglesias García e contará co apoio de cinco vogais.

O produto amparado pola IXP Tarta de Santiago é un doce tradicional galego, cuxos compoñentes básicos son améndoas, azucre e ovo. Entre as características que a definen está a forma redonda con cuberta de azucre glasé, onde figura a cruz da Orde se Santiago como sinal de identidade propia. A zona de elaboración das tortas amparadas pola IXP Tarta de Santiago abrangue todo o territorio da Comunidade Autónoma. O Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal) será o órgano encargado do control e certificación para os produtos desta indicación.