Cociña para todos no Fórum

As primeiras xornadas do Fórum Gastronómico de Santiago, abertas ao público en xeral, conseguiron encher o recinto feiral de Amio. A atractiva oferta do programa atraeu o interese de centos de persoas que percorreron a parte expositiva, coñecendo as últimas novidades en materia de alimentación e preparación de produtos, e participaron activamente nas diferentes catas, degustacións e actividades divulgativas que se celebraron. Paralelamente, noutros lugares de Santiago, como o Parador ou o Museo do Pobo Galego, seguen celebrándose actividades relacionadas coa gastronomía, que teñen como obxectivo achegar esta arte a todo o público, pequenos e maiores, entendidos ou profanos na materia.

Este luns comezan as xornadas orientadas a un público máis profesional, con diferentes talleres e charlas ás que está previsto que asistan cociñeiros de sona internacional como Jaques Maximin, Jordi Butrón, Dominique Roujou ou Ferrán Adriá, que estará este luns pola tarde.