A Secretaría Xeral para o Turismo pon en marcha cursos de idiomas para o sector

A Secretaría Xeral para o Turismo poñerá en marcha no mes de febreiro cursos de idiomas de inglés, francés e alemán, de nivel básico, dirixidos ao sector para que os profesionais poidan aplicar eses coñecementos lingüísticos ao seu campo profesional e gañar deste xeito unha maior competitividade. Esta iniciativa parte dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral para o Turismo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Os cursos, programados para desenvolverse nun máximo de sesenta horas, terán lugar ao longo do segundo cuadrimestre do presente curso académico nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia e nas súas seccións. Como máximo cada especialidade formará a 25 persoas. No caso de non cubrirse as prazas ofertadas cos devanditos destinatarios poderase ofertar este curso a todos os demandantes. As EOIs de A Coruña, Monforte, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Vilagarcía e Viveiro son as elixidas para a celebración das clases.
Máis información en www.sxturismo.org.